logo

A compañía de teatro galega Feira do Leste estrea Tras Tannhäuser

  • A montaxe foi seleccionada polo Instituto de la Juventud Injuve coma un dos mellores proxectos de Creación Joven deste ano.
  • Poderá verse os días 3, 4 e 5 de febreiro no teatro Sala Ártika de Vigo (Beiramar, 113) ás 21.30 horas.

Tras Tannhäuser, que recolle o título dunha das máis famosas óperas de Wagner e recorda á película Blade Runner, está enmarcada nas novas teatralidades posdramáticas actuais con potentes imaxes poéticas.

O dramaturgo Ernesto Is, gañador ex aequo do XI Premio Abrente en 2016, firma unha delicada dramaturxia fragmentaria con dirección de César No, ámbolos dous formados na ESAD de Galicia. “Quixemos falar da nosa xeración, que vai entre os vintetantos e os trinta anos, unha xeración que por diversos motivos é unha xeración desencanta que pode chegar a ser unha xeración perdida se non loitamos contra os nosos medos e contra as normas establecidas” sinala Is. No, pola súa parte, subliña a universalidade da montaxe e as múltiples linguaxes empregadas “creo que é unha obra honesta e que reflicte o momento no que nos atopamos como compañía. O noso teatro expresase a través da acción, da danza e da performance, algo que nos permite crear atmosferas moi atraentes”, afirma.

As actrices Nerea Brey, Sonsoles Cordón e Dunia Díaz son as tres mulleres protagonistas dunha obra que pretende ser o reflexo dunha loita xeracional pola liberdade e ruptura co determinismo.  Coma o resto do equipo, tamén son tituladas pola ESAD de Galicia, aínda que xa contan con experiencia sobre o escenario.

A lalinense Nerea Brey, que xa ten traballado en cine e en teatro, afirma que Tras Tannhäuser supón para ela unha oportunidade de enfrontarse aos seus medos, preocupacións e conflitos que “non son soamente nosos, falo dos meus medos que ao mesmo tempo son os medos de moitas persoas”, sinala. Para Sonsoles Cordón, acostumada a traballar en proxectos de cabaré e burlesque, supón un paso más aló e cre que é unha oportunidade para que o público galego “perda o medo ao teatro contemporáneo porque ten momentos nos que rís, outros nos que choras e outros nos que non sabes que está a pasar pero a forza poética di todo”. Pecha o trío, Dunia Díaz, que cree que este traballo “pode ser unha boa tarxeta de presentación” do camiño que quere levar a propia compañía.

Completan o equipo o escenógrafo, José Faro “Coti” e o produtor Javier Lojo. Faro, firma unha iluminación e un espazo escénico que se caracteriza por cubrir todo o escenario de plumas brancas que voan e crean imaxes coa iluminación. Lojo, sinala o enorme reto que supón crear unha compañía desde cero en Vigo e Galicia, “vivimos nunha cidade na que non se fomentan as artes escénicas por parte das institucións por iso tamén queremos traballar e colaborar con outras compañías para reverter esta situación”.

Tras Tannhäuser poderá verse mañá venres 3 e sábado 4, en horario de 21.30 horas, e o domingo 5 ás 20.00 horas, na Sala Ártika de Vigo. O prezo da entrada é de 8 euros anticipada e 10 na billeteira.

 

Comments are closed.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies